Presentamos a programación infantil do SNL


                                  

Nas vindeiras semanas desenvolveranse obradoiros e actividades gratuítas para as familias con pequechos e pequechas de 0 a 6 anos co obxectivo de fomentar os espazos de socialización en lingua galega, así como a aprendizaxe arredor de materiais e recursos lúdico-didácticos para a primeira infancia.

Para realizar a inscrición en ambos programas é necesario contactar co servizo previamente comunicando o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade da(s) crianza(s) así como un enderezo electrónico e un teléfono de contacto, a través do enderezo electrónico snlabananegreira@gmail.com, dos teléfonos 981 88 65 01 / 981 88 58 86 ou presencialmente nas oficinas do SNL das 8:30 ás 14:30 horas os luns, mércores e venres na Casa do Concello da Baña ou os martes e xoves na Casa da Cultura de Negreira.

PROGRAMA APEGO

Para esas familias que queredes que a lingua galega forme parte da vosa vida, creamos o programa Apego. Se o vides coñecer e tedes fillas ou fillos de ata 6 anos, tamén podedes dirixirvos ao Servizo de Normalización Lingüística para formalizar a inscrición e recibir información de recursos, actividades e materiais.

Setembro

Contacontos e imaxinación: actividade creativa. Mércores 30/09 ás 17:00 h na Casa da Cultura de Negreira. 

Este obradoiro ten como obxectivo traballar a imaxinación a través da palabra, da escoita, da fala e do debuxo para conectarmos de novo coa toponimia que nos rodea.

Outubro

Contacontos sensorial. Venres 02/10 ás 18:00 h na Escola Infantil Municipal da Baña (PAI) en Sanamede. 

Sesión de contacontos destinada a familias con ganas de compartir unha experiencia feliz da man das palabras e as emocións que acompañan as verbas, as cancións, a lectura, os libros... Todo acompañado de obxectos manipulables para chamar a atención deste público inquedo.

Novembro

Contacontos. Mércores 11/11 ás 17:00 h na Casa da Cultura de Negreira.

Sesión de contacontos na que crearemos mundos novos a través das historias e da imaxinación para coñecermos un pouco mellor a través das emocións, das cores e da palabra.

Contacontos: unha tarde especial con Dori. Venres 20/11 ás 18:00 h na Escola Infantil Municipal da Baña (PAI) en Sanamede. 

Esta actividade lévanos ó cuarto dunha rapaza moi curiosa e con moita imaxinación. Veremos como Dori prepara algo especial para a súa avoa polo seu aniversario. Será unha torta? Un debuxo? Ou unha canción? Teremos que acompañala nesta aventura para descubrilo, na cal mediante contos, movemento, música e elementos luminosos nos fará pasar un día máxico.

Decembro

Contacontos: o lapis que non quería ir á escola. Venres 04/12 ás 18:00 h na Escola Infantil Municipal da Baña (PAI) en Sanamede. 

A actividade "Unha historia con valores" utiliza a narración oral para reflexionar sobre a importancia dos valores cívicos e sociais na vida cotiá. A través dunha historia protagonizada por obxectos cotiáns como un lapis, unha goma ou unha calculadora, transmítense mensaxes sobre colaboración, respecto e empatía, destacando como estas actitudes contribúen a unha convivencia harmoniosa.

PROXECTO MAIMIÑOS E FURABOLOS

Esta proposta consiste en reunións periódicas para as familias do concello que queiran crear rede e espazos de socialización en galego, a través dun lugar de reflexión e empatía.

Espazo: Escola Infantil Municipal da Baña (PAI).

Horario: das 17:00 ás 19:00 h.

Datas: 23 de outubro, 6 de novembro, 27 de novembro de 2026.


Para máis información sobre o proxecto Apego: http://www.apego.gal/.

Programación infantil SNL






Comentarios

Publicacións populares deste blog

O SNL da Baña e Negreira participa na nova xeira dos grupos de conversa Falarmos...nós!

O Servizo de Normalización Lingüística da Baña e Negreira está de volta