Falarmos nós! Grupo de conversa en galego
Presentamos o proxecto Falarmos...Nós
O Servizo de Normalización Lingüística da Baña e Negreira pon en marcha o proxecto promovido pola área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña Falarmos...nós, un grupo de conversa en galego para falar, escoitar, socializar e compartir dende a proximidade e a confianza.
O mércores 30 de setembro de 18:00 a 19:00 horas ponse en marcha Falarmos...nós, un grupo de conversa en galego para persoas que queren usar máis a nosa lingua no seu día a día ou mellorar a súa expresión oral nun ambiente seguro e acolledor. Así pois, unímonos a este proxecto impulsado pola área de Normalización Lingüística da Deputación Provincial da Coruña, que aposta por crear espazos reais de uso da lingua baseados na participación e na conversa.
O grupo contará cun número reducido de participantes, o que facilita a interacción, e cunha ou dúas persoas dinamizadoras que propoñerán temas e coidarán de que todo o mundo teña voz. Non é unha clase nin hai leccións nin deberes: xuntarémonos para falar, rir, dubidar, equivocarnos e avanzar xuntas e xuntos.
Falaremos de diferentes temáticas do noso día a día: cultura, actualidade, experiencias persoais, música, libros, viaxes ou de calquera outro tema que esperte o interese das persoas participantes, sempre desde o respecto e a escoita activa.
Este espazo de socialización está dirixido tanto a persoas que saben falar galego pero non o usan habitualmente como a aquelas que están en proceso de aprendizaxe e queren gañar soltura. O único requisito é entender a nosa lingua e ter ganas de participar e de darlle un pouco máis de espazo ao galego na vida cotiá.
Para participar será necesario inscribirse a partir do luns 7 de setembro ás 09:00 h, ben de maneira presencial na Casa da Cultura de Negreira ou na Casa do Concello da Baña, a través do enderezo electrónico snlabananegreira@gmail.com ou chamando ao 981 88 65 01 ou 981 88 58 86 entre as 08:00 e as 14:00 horas.
Data, horario e lugar: todos os mércores de 18:00 a 19:00 h a partir do 30 de setembro de 2026 na Casa da Cultura de Negreira.

Comentarios
Publicar un comentario