Novo grupo de conversa do proxecto Falarmos...nós!


O Servizo de Normalización Lingüística dos concellos da Baña e Negreira despois de poñer en marcha o proxecto promovido pola Deputación da Coruña Falarmos...nós cun grupo de conversa en galego os mércores de 16:00 a 17:00 horas na Casa da Cultura de Negreira, promove un segundo grupo no Concello da Baña os luns de 10:30 a 11:30 horas no Edificio da Escola Municipal de Música.

Esta actividade é para persoas que queren usar máis a nosa lingua no seu día a día ou mellorar a súa expresión oral nun ambiente seguro e acolledor. O grupo contará cun número reducido de participantes, o que facilita a interacción, e cunha ou dúas persoas dinamizadoras que propoñerán temas e coidarán de que todo o mundo teña voz.

Non é unha clase nin hai leccións nin deberes: xuntarémonos para falar, rir, dubidar, equivocarnos e avanzar xuntas e xuntos. Falaremos de diferentes temáticas do noso día a día: cultura, actualidade, experiencias persoais, música, libros, viaxes ou de calquera outro tema que esperte o interese das persoas participantes, sempre desde o respecto e a escoita activa.

Este espazo de socialización está dirixido tanto a persoas que saben falar galego pero non o usan habitualmente como a aquelas que están en proceso de aprendizaxe e queren gañar soltura. O único requisito é entender a nosa lingua e ter ganas de participar e de darlle un pouco máis de espazo ao galego na vida cotiá.

Para participar será necesario inscribirse a partir do luns 23 de novembro, ben de maneira presencial na Casa do Concello da Baña, ben a través do enderezo electrónico snlabananegreira@gmail.com ou do teléfono 981 88 65 01.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

O SNL da Baña e Negreira participa na nova xeira dos grupos de conversa Falarmos...nós!

Presentamos a programación infantil do SNL

O Servizo de Normalización Lingüística da Baña e Negreira está de volta